sábado, 6 de noviembre de 2010

DESCRICIÓN DE LORENA A UNHA COMPAÑEIRA

Camiñaba con prudencia polos camiños de terra poboados de silvas e toxeiras que lle cortaban o paso enredándoselle nos pés, eses que con lixeireza, facíana avanzar sen esmagar os vergoñentos cogumelos agochados baixo as chorosas follas caídas no outono.
Ollaba cara ás árbores queimadas polo norte, con morriña, como o mariñeiro que tras meses fóra do seu fogar, ve a branquísima luz dun faro na madrugada. Neses ollos medraba o seu verdadeiro ser. Tan escuros e pequenos, como cheos de vida.
Os seus beizos, matizados con pequenos cortes superficiais, deixaban escapar anaquiños de aire fresco, anaquiños da súa alma esperanzada que ansiaba escapar do lugar onde está confinada, coma un pardal engaiolado.
Os seus cabelos desembocan nos seus ombreiros, ergueitos, estreitos e femíneos, sobre eles, fíos de la tan escuros como o acibeche, tan rizados coma unha caracola da praia, tan suaves como a súa voz. Unha voz que non semella o vo dunha águia coa súa firmeza e solemnidade, senón que trae lembranzas dos cánticos que entoan as anduriñas en primavera. Fráxil, non ve a súa beleza. Tan pura e inxenua que o seu sorriso podería facer tremer á propia templanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario